SEREA, centro de técnica vocal de Paula Rey en A Coruña
Ir a miña web Portada Categorías
No meu blog: Inicio
  • Canto
  • Coida a tua voz
  • informativa centro serea
  • Blog

    A IMPORTANCIA DA EDUCACIÓN VOCAL

    A voz acompáñanos durante toda a vida e poucas veces nos paramos a observar como a empregamos. O traballo coa voz non só pertence ao sector do canto ou do teatro/cine. Anímote a que te preguntes: Empregas a voz no teu traballo?

    27 February 2017
    1625522_10152124971504898_11459482_n

    Nesta entrada gustaríame centrarme na importancia da voz.

    A voz acompáñanos durante toda a vida e poucas veces nos paramos a observar como a empregamos. A voz amósanos a nosa esencia, a través dela comunicámonos, e tamén revela moitos aspectos da nosa personalidade, xa que segundo como a utilicemos, estaremos a amosar esa parte da linguaxe non verbal que di cousas acerca de nós. É dicir, se falamos lento e pausado daremos a entender que somos unha persoa serena, se pola contra falamos alto e enfático, podemos dar a entender que somos unha persoa entusiasta, e así, moitos máis aspectos a analizar que nos amosan máis do que somos a través das nosas voces.

    Cando falamos do traballo coa voz, deseguido se nos vén á mente cantantes, actrices ou locutoras, pero se nos detemos a pensar un pouco, ese traballo non só pertence a estes sectores. Quizais ti, que estás lendo este post por curiosidade, e pensas que a cousa non vai realmente contigo, igual te sorprendes. Pode ser que o teu traballo che requira estar en contacto coa xente, falar con ela, comunicarte, polo tanto, usando a túa voz. Por exemplo: unha comercial dunha empresa, unha profesional que en ocasións ten que dar charlas ou explicar o seu traballo nunha conferencia, unha camareira que se ten que comunicar coa súa clientela baixo un ambiente hostil de ruído, unha avogada que ten que expoñer convincentemente o seu caso ante unha xuíza, mestras impartindo as súas clases e facendo un uso constante da súa voz, ou aquelas persoas que están colgadas do teléfono durante horas porque o seu traballo é de telefonista en atención ao cliente. Estes son algúns dos exemplos que nos amosan que hai moitos e variados profesionais que dependen da súa voz.

    black-and-white-alcohol-bar-barkeeper

    Camareros que empregan a súa voz, baixo un ambiente ruidoso, para comunciarse ca súa clientela

    A ti, que estás lendo este post, anímote a que te pares un momento e analices no teu día a día canto utilizas a voz e como o fas. Seguramente como é algo que está aí porque si, que forma parte de ti, nin te paraches nunca a pensar nela deste xeito. É algo innato. Pero pensa:  Estou a empregala de forma axeitada? Cánsome moito cando falo? Falo alto? Falo baixiño? Como me expreso?

    Chegados a este punto, suscito outra pregunta: Non sería necesaria nas escolas o contido de educación vocal? É algo que nos acompañará ao longo da nosa existencia. Debería ser curricular? Eu son das que pensa que si. Que é algo que se pode traballar co alumnado a través da expresión musical e a expresión dramática. É dicir, música (canto) e teatro. Nelas aprendemos a respirar, a comunicar as nosas emocións, a liberar a nosa voz, a proxectala, a crear música, a imaxinarnos personaxes con características vocais diferentes. En definitiva, aprendemos a como expresarnos, a empatizar, traballamos a sociabilidade, a sensibilidade etc. Aspectos importantes que nos axudarán na vida. Recibir na infancia estas ferramentas axudará a que na idade adulta se poidan desenvolver mellor. E tamén traballar todos estes aspectos na infancia axudará a identificar posibles anomalías na fala, por mala coordinación fonorespiratoria, de dicción, ou de mal uso da voz, e así poder corrixir a tempo para que non se transforme nun verdadeiro problema cando alcancemos a idade adulta. Para iso penso que a formación vocal do profesorado é básica e esencial para que nenas e nenos reciban un modelo vocal adecuado.

    children-1601856_960_720

    Actuación de Teatro. Educación dramática

    Todos estes aspectos e moitos máis, sobre a importancia do traballo coa voz, se expoñen no vídeo que a continuación vos presento. Está colgado na miña canle de Youtube (Serea Centro de Terapia e Técnica Vocal). Pincha AQUÍ.

    Trátase dunha reportaxe coloquio entre tres profesionais da voz como son Isabel Villagar (Cantante e pedagoga da voz), Anna Subirana (cantante e musicoterapeuta) e Àngels Gonyalons (actriz e cantante). Pareceume moi interesante e concordo totalmente co que nel se di.

    Agardo que sexa do voso agrado!

    Buscador

    Etiquetas

    Consellos
    Utilizamos cookies propias e de terceiros. Se continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.