SEREA, centro de técnica vocal de Paula Rey en A Coruña
Ir a miña web Portada Categorías
No meu blog: Inicio
  • Canto
  • Coida a tua voz
  • informativa centro serea
  • Blog

    RESPIRAR, CANTAR, FALAR

    Tod@s sabemos que é a respiración, sabemos respirar, senon non estariamos viv@s. Preguntémosnos entón: Que significa respirar ben? Como realizamos a nosa respiración? e que uso ten a parte de proporcionar osíxeno aos nosos pulmóns?

    1 March 2016
    respiración

    Hai estudos que din que os beneficios dunha respiración profunda e consciente son moitos; calma o corpo e a mente,  osixena o sangue alimentando ás nosas células e mellorando a nosa circulación, e facilita a concentración, entre outras cousas. Se nos baseamos nisto debería de ser algo a ter moi en conta nas nosas vidas, non creedes?. Cito as palabras de Hiltrud Lodes no seu libro ‘Aprende a Respirar’. Unha pequena reflexión sobre este acto tan natural.

     

    ‘Ao inspirar tomamos daquilo que nos rodea, e ao espirar devolvemos o que hai dentro de nós. A respiración establece a conexión entre nós e a nosa contorna. Respirar é dar e tomar; é un intercambio entre o interior e o exterior, indispensable para a vida. Cando esta relación de intercambio vese alterado, xorde no home un estado de desequilibrio. A vida comeza co primeiro respiro do recentemente nado e acaba coa exhalación do derradeiro suspiro. Durante o tempo que se prolongue a vida, a respiración será un reflexo do estado corporal e anímico, que pode ser de tranquilidade, de axitación, de profundidade, de equilibrio, etc.’

     

    Partimos entón de que a respiración debería ser un proceso natural e sinxelo, pero neste momento, co noso nivel de vida, acelerado e de estrés, desenvolvemos a respiración dun xeito arrítmico e sen pausas, entorpecéndoa, e de paso, prexudicando o noso propio benestar. Isto afecta directamente ao meu campo de traballo, pois a práctica respiratoria está directamente relacionada coa educación vocal, a técnica da palabra e o canto. E aquí fago unha pequena parada:

    Que ten que ver a voz coa respiración?

    Para respostar a isto fagámonos outra pregunta: Como funciona a nosa voz?

    Realicemos un pequeno experimento; imaxinemos que collemos dúas follas de papel, xuntámolas e sopramos a través delas, co aire do sopro moveranse ditas follas e con iso produciremos un son. Básicamente a nosa voz consiste niso, inspiramos o aire, e ao espiralo, este pasa pola larinxe, lugar onde se atópan as cordas vocais. Se as xuntamos cando o aire espirado pase a través delas, obrigaas a moverse producindo así unha vibración, polo tanto un son que articulado e direccionado cara á boca, lingua, gorxa e outras cavidades de resonancia, conformarán o noso selo de identidade sonora, o que chamamos a voz humana. Se o pensamos ben, a base do son  parte da respiración.

     

    respiración blog2

     

     

    A respiración no canto e na fala

    Empregamos o aire que nos dá a vida para algo máis. Para comunicarnos coa palabra e tamén para crear música, pois co aire convertémosnos nun instrumento musical de vento. É dicir, convertémosnos nun instrumento aerófono, cun fuelle (respiración), un vibrador (cordas vocais) e un resonador (o corpo). Polo tanto o control da emisión dese aire, base da técnica vocal, fará que dominemos o noso propio son e polo tanto, a nosa voz, para así chegar a dorminar o arte do canto e tamén calquera doutrina na que interveña a voz.

     

    espiración

     

    O tipo de respiración recomendado como o máis axeitado para cantar é a respiración costodiafragmática. Poderíase dicir que é a que executamos durante o soño, pero máis ampliada. Coa inspiración, empregamos todos os músculos que interveñen no proceso respiratorio; centrándonos no diafragma, musculatura abdominal e lumbar, así como tamén en partes do noso corpo como son as costelas, o nariz, o veo do padal e a larinxe; e visualizamos espazos. Eses espazos son os que conforman a caixa de resonancia. Mantémolos abertos na espiración ou sopro, e direccionamos o aire cara as cavidades de resonancia. Se facemos o mesmo pero esta vez emitindo o aire acompañado do son, o control desa emisión fará que poidamos expresar dun xeito relaxado e fluido as frases musicais, acompañadas de notas e palabras no caso do canto, e proxectar a voz a través das palabras cunha mellor calidade vocal na fala.

    Exercitando os músculos que interveñen no proceso respiratorio (ximnasia respiratoria) collemos en capacidade pulmonar, relaxación, elasticidade, control do noso corpo, osixenamos as células, e polo tanto sentirémosnos mellor. Así que vos animo a tod@s a que realicedes ximnasia respiratoria, pois esta práctica non só vos axudará para relaxaros, senón que é unha ferramenta fantástica para coñeceros mellor, para concentrarse nun\h@ mesm@, axudaros a empregar mellor a vosa voz, e gañar así en saúde e calidade de vida.

     

    poule-molle-plumes-grandes-plumes_3304067

     

    Triplo é o ritmo vital:

    tomar, dar, recollerse;

    ao inspirar deixo que o mundo entre en min,

    ao esperirar doume ao mundo,

    baleiro e sen alento, vivo en min;

    desposúome de min mesma e volvo abrirme.

    Ao inspirar deixo que o mundo entre en min,

    ao espirar doume ao mundo,

    baleiro a miña plenitude,

    deformado recobro a forma.

    LAMA ANAGARIKA GOVINDA, Mandala

    Buscador

    Etiquetas

    Consellos
    Utilizamos cookies propias e de terceiros. Se continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.