SEREA, centro de técnica vocal de Paula Rey en A Coruña
Ir a miña web Portada Categorías
No meu blog: Inicio
  • Canto
  • Coida a tua voz
  • informativa centro serea
  • Blog

    4 consellos que te axudarán a coidar a tua voz

    Que facer cando o resfriado aparece e castiga a túa voz? Preséntovos unhas pequenas pautas a seguir que axudarán a túa voz a porse outra vez en forma!

    23 December 2015
    Consellos para coidar a tua voz - SEREA - Centro de logopedia e canto en A Coruña

    Agora que estamos no inverno e o frío aparece, con el veñen os catarros, as alerxias e as gripes. O horror de tod@s @s que nos adicamos a traballar coa nosa voz! Case sen querer, adentrámonos nun bucle de mocos, toses e molestias da gorxa que non nos deixan exercer a nosa profesión como nos gustaría. O catarro pasa, as gripes vanse, pero a nosa voz segue resentida e non sabemos que facer para recuperala. Entran os agobios. Esa conferencia que tes que dar, ese concerto no que tes que cantar, e ti sénteste impotente ante unha situación que escapa do teu control por non ter as ferramentas para atallar ese problema que tantas molestias che está a causar. Entra o compoñente psicolóxico. O estrés que comezas a sentir entorpece ainda máis o teu día a día, a tensión aparece e sentes que te quedas sen voz. O mero pensamento de que tes que falar ou cantar xa che produce tensión e cansanzo…

    Isto que acabo de describir pode parecer esaxerado, pero seguramente ti, que te adicas a cantar ou ti, que empregas a túa voz no teu traballo, vivíchelo nalgún momento da túa vida. Experimentarías esa frustración de non saber que facer para non sentirte tan cansad@ mentres tiñas que desenvolver e rendir na túa profesión. Este artigo vai diso, de como facer para recuperar e coidar a túa voz. Aquí non pretendo darche unha listaxe con curas milagreiras (xa que iso non existe) pero si que podo darche unhas pautas sobre como facer para axudarte un pouco neses momentos de ansiedade, e guiarte para que pidas axuda se observas que isto se repite moitas veces no tempo.

    Nestes casos, nos que o problema da voz persiste, o máis probable é que a causa sexa que a empregas mal. O sobreesforzo de xeito continuo, o uso da calefacción ou aire acondicionado, a exposición a produtos químicos ou ao tabaco só farán que ese malestar, que nun principio foi causado por un resfriado, persista. Ante todo dicir que a reeducación vocal vai ser o mellor xeito para previr os problemas da voz. O emprego dunha técnica vocal axeitada vaite axudar a economizar a túa enerxía á hora de empregar a túa voz. Partindo desta premisa, vouche dar uns pequenos consellos para aliviar o teu corpo cando te vexas inmers@ no chamado ‘bucle de esforzo vocal’.

     

    1. REPOUSO.

    Se notas a voz cansa ou con disfonía o mellor é non falar e durmir o máximo posible. No caso de che resulte difícil polo teu traballo, tratarás de economizar a fala e non esixir máis á túa voz do que lle esixirías ao resto do teu corpo; e dicir, empregarás frases curtas, pausas longas e un tono de voz suave. Buscarás apoio en recursos comunicativos nos que a voz interveña o menos posible.

     

    2. HIDRATACIÓN.

    Infusións de macela ou erissimo, o mellor para coidar a túa voz.
    Bebe auga do tempo, en pequenos sorbos durante todo o día. Os vahos de auga con sal ou herbas aromáticas tamén son un bo remedio.Tes que ferver auga nunha pota, cubrirte a cabeza cunha toalla e respirar os vapores que desprende a auga quente. Esto mesmo podése facer durante o tempo que pases na ducha, cunha temperatura ben quente. Respirar fondo e deixar que o vapor de auga entre no teu corpo.

    Outro fantástico lubricante natural é a Macela. O mellor é tomala en infusións con mel. Ollo! as infusións, mellor tomalas mornas, non moi quentes. O meu remedio natural favorito é a chamada “Herba d@s Cantor@s’ ou Erissimo”. Pódela atopar nas herboristarías, en pingas, infusións ou aerosol: aclaran o tono vocal, e melloran a calidade da mucosidade que recobre as cordas vocais. É un alivio fantástico.

     

    3. CALENTAMENTO VOCAL SUAVE ANTES DE FACER USO DA VOZ

    Ollo con isto! Mellor apréndeo dun/ha profesional cualificad@. Para recuperar a voz, non chega só co descanso. É preciso activar a musculatura. Isto débese facer moi lentamente, suavemente e usando exercicios de técnica vocal. Un exemplo disto pode ser facer sons de ‘sereas’ cun /m/ tanto en ascendente como en descente

    4. REMEDIOS NATURAIS E PREVENTIVOS CONTRA OS CATARROS

    O estracto de propóleo provén da mel das abellas.Eu recomendo as infusións de Equinacea con mel e as pingas de Propóleo mesturadas con auga. Para que isto faga realmente efecto, é mellor tomalo ao longo do ano ou durante as tempadas de cambios de estación, onde somos máis propensos a coller eses resfriados tan molestos.

    Nas seguintes entregas dareivos máis métodos preventivos para coidar a gorxa. Por agora, déixovos con este pequeno avance. Agardo que vos sexan de axuda!
    Vémonos na vindeira entrada do Blog SEREA!

    Buscador

    Etiquetas

    Consellos
    Utilizamos cookies propias e de terceiros. Se continuas navegando, entendemos que aceptas o seu uso.